Friday 17 de May de 2024

Ethel Vázquez destaca a importancia do desenvolvemento a curto prazo dunha licenza única de caza que permita a práctica da actividade cinexética noutras comunidades


Na reunión intercambiáronse opinións sobre a relevancia do sector cinexético na comunidade, non só polo seu valor económico, senón tamén polo seu destacable compoñente social

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, acompañada pola directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, reuniuse coa nova xunta directiva da Federación galega de caza.

Nesta xuntanza abordouse a importancia de desenvolver nun curto prazo, e en estreita colaboración entre Xunta e Federación galega de caza, o Regulamento da Lei de caza de Galicia e a Licenza única que permitirá poder cazar noutras comunidades sen ningún outro trámite ademais do requirido en Galicia. A Xunta xa ten subscrito o convenio e na actualidade xa asinaron as comunidades autónomas de Castela a Mancha, Castela e León, Madrid, Aragón, Valencia e Estremadura.

Na reunión debatéronse e intercambiáronse opinións sobre a relevancia do sector cinexético na comunidade, non só polo seu valor económico, senón tamén polo seu destacable compoñente social.

Ethel Vázquez subliñou o papel que desempeña esta federación e agradeceulles os seus esforzos para participar e facer achegas que melloren a actividade cinexética, compatibilizando esta práctica e o mantemento da biodiversidade. Tamén destacou o papel do cazador como instrumento de control de poboacións, así como a vinculación estreita entre o mundo rural e a actividade venatoria, o que axuda a frear o abandono do rural e das actividades agrícolas e gandeiras.